A xunta de escola é o órgano de participación da comunidade educativa nas escolas de arte e superiores de deseño e terá a seguinte composición: A dirección da escola, que exercerá a súa presidencia, a vicedirección da escola, a xefatura de estudos da escola, un/unha representante do concello do municipio no que estea situada a escola, un/unha representante do persoal de administración e servizos da escola, o secretario/a da escola, sete docentes elixidos/as por e entre os membros do claustro, sete representantes do alumnado, un/unha representante dos pais, nais ou titores/as legais do alumnado menor de idade e un/unha representante das empresas ou institucións que colaboren coa escola na realización das prácticas externas ou prácticas en empresas, estudos ou talleres.
As competencias da xunta de escola das escolas de arte e superiores de deseño son as establecidas no artigo 127º da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e son, entre outras:
- Formular propostas ao equipo directivo para a elaboración do proxecto funcional e o plan anual do centro, e das normas de organización e funcionamento.
- Aprobar o proxecto xeral de orzamento e a súa execución.
- Analizar e avaliar a organización e o funcionamento xeral da escola.
- Propoñer medidas e iniciativas que favorezan a convivencia na escola, a igualdade entre homes e mulleres e a resolución pacífica de conflitos.
- Coñecer a iniciación e resolución dos expedientes disciplinarios ao alumnado e velar pola súa adecuación á normativa vixente.
- Establecer os criterios para colaborar, con fins educativos e culturais, coas administracións locais e autonómicas, centros docentes, e outras entidades públicas e privadas.