O universo visual de Victor Moscoso

O vindeiro venres, 30 de abril ás 12h, visítanos David Carballal, comisario da exposición “Moscoso Cosmos. O universo visual de Victor Moscoso” que pode ser visitada na Fundación Luis Seoane.

Nesta sesión, que terá lugar no Salón de Actos da nosa Escola, Carballal achegaranos ao proceso de realización deste proxecto retrospectivo do deseñador e artista visual Victor Moscoso.

A entrada é de balde, ata completar aforo. Na entrada recolleranse os datos das persoas asistentes.  Lembramos que unha vez dentro do Salón de Actos, os grupos deberán sentarse xuntos, nos asentos sinalados e respectando as distancias de seguridade.

Sobre a exposición

Moscoso Cosmos: O universo visual de Victor Moscoso recolle unha ampla selección do traballo dun dos deseñadores gráficos máis orixinais e influíntes do século XX e é a maior exposición retrospectiva do autor ata hoxe: carteis de rock psicodélico, catorce números da revista underground Zap Comix, cubertas de discos, cómics, ilustracións para libros e revistas, animacións e fotografías biográficas que completan un percorrido marcado por imaxes icónicas da segunda metade do século XX.


A exposición pode ser visitada na Fundación Luis Seoane do 14 de abril ao 10 de outubro de 2021.


Victor Moscoso deseñou un cartel específico para esta exposición.  Utilizando o método de imaxes superpostas que desenvolveu durante a súa etapa psicodélica, o cartel interactúa ao ser exposto baixo luz intermitente vermella e azul.