Para o acceso ás ensinanzas oficiais conducentes ao Título Superior en Deseño, requirirase cumprir os requisitos establecidos no artigo 12 do Real decreto 1614/2009, de 26 de outubro, e a superación da correspondente proba específica á que se refire o artigo 57.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación.
Para os maiores de dezanove anos de idade que non cumpran os requisitos establecidos no citado artigo 12, a Consellería competente en materia de Educación, regulará, convocará e organizará unha proba anual que acredite que o aspirante posúe a madureza en relación cos obxectivos do bacharelato e os coñecementos, habilidades e aptitudes necesarios para cursar con aproveitamento as correspondentes ensinanzas.
A proba específica de acceso será única para as diferentes especialidades destas ensinanzas, e terá carácter unificado para todos/as os/as aspirantes.
Poderá acceder ás ensinanzas superiores de Deseño sen necesidade de realizar a proba específica de acceso quen estea en posesión dun título de Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño, na porcentaxe que a Consellería competente en materia de educación determine.