O mércores 27 de marzo, ás 12:00h no Salón de Actos, temos como convidado a Felipe Senén López Gómez que impartirá unha conferencia co título “Arte e identidade Céltica en Irlanda”. Nesta charla, falará sobre o movemento romántico do Rexurdimento en Galicia que tivo como modelo en aspectos políticos e culturais a Irlanda…unha das “Sete nacións celtas”. A Prehistoria coa secuencia do Megalitismo, a idade dos Metais, especialmente do ferro, cos seus asentamentos, “hills  forts” ou castros, a singular romanización, o fenómeno da cristianización coas comunidades relixiosas, os viquingos, as cruzadas…e unha permanente ida e volta a oriente. Ese “orientalismo” céltico envolve, ao longo do seu acontecer a cultura irlandesa, por iso se fala de tradicións celtas, símbolos celtas, cerámica celta, música celta….

Felipe Senén López Gómez é arqueólogo, museólogo e historiador da cultura. Formado na Universidade de Santiago, de 1975 a 1997 foi director do Museo Arqueolóxico da Coruña, do que pide excedencia para pasar a ser Técnico de Xestión Cultural da Deputación da Coruña até o 2016. É tamén numerario e secretario da Academia Galega de Belas Artes, do Instituto Xosé Cornide, fundador e animador de Amigos dos Museos  de Galicia, entre outros colectivos preocupados pola sensibilización do patrimonio cultural. Conta cunha ampla traxectoria e obra, especialmente divulgativa, arredor de aspectos arqueolóxicos e simbólicos de Galicia.

Mércores, 27 de marzo de 2019, ás 12:00h. Salón de Actos da EASD Pablo Picasso.