Para acceder aos ciclos formativos de Grao Superior en Artes Plásticas e Deseño será necesario estar en posesión do título de bacharel ou equivalente. Ademais deberase superar unha proba específica que permita demostrar as aptitudes e coñecementos artísticos necesarios para cursar con aproveitamento estas ensinanzas. Estarán exentos/as de realizar a proba específica de acceso quen estea en posesión de:
- Un título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño da mesma familia profesional á que se quere acceder.
- Título de Bacharel, na modalidade de artes, ou de Bacharelato artístico experimental.
- Título superior de Artes Plásticas e título superior de Deseño nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.
- Título superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais, nas súas diferentes especialidades.
- Licenciatura en Belas Artes.
- Arquitectura.
- Enxeñaría técnica en Deseño Industrial.
Quen, estando en posesión do título de bacharel acredite ter una experiencia laboral de polo menos un ano en tarefas directamente relacionadas coas competencias profesionais do ciclo formativo ao que se quere acceder, tamén estará exento de realizar a proba específica de acceso, para o cal debe achegar a certificación da empresa na que teña adquirido a experiencia laboral en que conste especificamente a duración do contrato, a actividade desenvolvida e o período de tempo en que se realizou a dita actividade. No caso de traballadores/as por conta propia, deberá achegarse certificación de alta no censo de obrigados/as tributarios/as.
Poderá accederse sen estar en posesión dos requisitos académicos de acceso quen acredite, mediante a superación dunha proba de acceso, posuír a madureza en relación cos obxectivos do bacharelato, ademais das aptitudes e dos coñecementos artísticos necesarios e teña como mínimo 19 anos feitos no ano de realización da proba, ou 18 anos se se acredita estar en posesión dun título de técnico relacionado con aquel a que se desexa acceder. Esta proba de acceso constará de dúas partes:
- Parte xeral: versará sobre os coñecementos e capacidades básicas das materias comúns do bacharelato.
- Parte específica: a proba permitirá valorar as aptitudes e coñecementos artísticos necesarios para cursar con aproveitamento as ensinanzas do ciclo formativo.
Quedará exento/a da realización da parte xeral da proba de acceso quen teña superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos. Tamén quedará exento/a da realización da parte específica da proba de acceso quen acredite ter unha experiencia laboral de polo menos un ano, relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo formativo ao que se aspira.
En termos xerais, as datas para a inscrición e realización nas probas de acceso son:
- Primeiros de xuño: apertura do prazo de inscrición.
- Finais de xuño: realización das probas.
Correspondelle á Consellería de Educación facer pública a normativa na que se inclúe as datas exactas, lugares de realización das probas, requisitos de acceso e composicións dos tribunais avaliadores. No momento no que se publiquen no DOG e sexan oficiais, actualizarase a información na nosa páxina web e redes sociais.