
Unha vez seleccionado como beneficiario/a dunha mobilidade LLP/Erasmus pola EASD Pablo Picasso e aceptada a praza asignada, débense realizar unha serie de trámites dos que se derivan certas obrigas ás que queda suxeito/a o/a becario/a Erasmus e que se detallan a continuación.
Como requisito previo, como se recolle na convocatoria LLP/Erasmus, o/a alumno/a debe realizar a súa matrícula na EASD Pablo Picasso, na que consten os créditos internacionais dos que se teña matriculado, seguindo o procedemento e os prazos que se sinalen, e entregar unha fotocopia debidamente selada da matrícula na ORI.
Hai que lembrar que as axudas Erasmus non eximen ao/á alumno/a do abono dos prezos públicos que correspondan. Esta axuda é compatible ca beca que concede o Ministerio de Educación e Ciencia.
No caso de que a Secretaría da EASD Pablo Picasso dé unha data de matrícula posterior á saída cara ó centro de destino, pode encargarse de levar a documentación un/unha familiar ou un/unha coñecido/a do/da alumno/a.
Na primeira semana do mes de setembro os/as alumnos/as recollerán e/ou cumprimentarán os seguintes documentos:
Carta do estudante Erasmus
Esta carta aplícase aos/ás estudantes que cumpren os criterios de admisibilidade Erasmus e que foran seleccionados/as pola súa institución para realizar un período de estudos nun centro asociado doutro país europeo, ou para un período de prácticas nunha empresa ou outra organización.
Para a mobilidade de estudos os dous centros, o de orixe e o de destino, deben dispor dunha «Carta Universitaria Erasmus» outorgada pola Comisión. Para as prácticas en empresas o centro de orixe disporá dunha «Carta Universitaria Erasmus Ampliada» que cubra os dereitos e as obrigacións relacionadas ca mobilidade de prácticas.
Neste documento recóllense os dereitos e as obrigas dos/das estudantes Erasmus.
O/a coordinador/a da ORI entregará este documento aos/ás alumnos/as na primeira semana de setembro.
Compromiso do becario/a
Con este documento, o/a estudante comprométese a cumprir as normas e as bases establecidas no programa. Entregarase, debidamente asinado, na ORI da EASD Pablo Picasso na primeira semana de setembro.
Documento de datos persoais, académicos e bancarios
Nel recóllese a información necesaria para o abono da beca. Entregarase na ORI do centro na primeira semana de setembro. Con el deberán entregarse dúas fotocopias do DNI e outras dúas do documento de código de conta cliente (CCC) que se solicitará na oficina bancaria do beneficiario. O/a beneficiario/a ten que ser titular ou cotitular da conta bancaria da que faga referencia o documento.
Convenio entre a EASD Pablo Picasso e o/a estudante
Este documento, esixido pola Axencia Nacional Erasmus e pola Comisión Europea, ten por obxecto determinar as obrigas das partes na administración de fondos comunitarios. Co fin de que sexa debidamente asinado e cumprimentado, o/a coordinador/a da ORI remitirá o convenio, por duplicado, ó domicilio do/a estudante durante a estancia Erasmus. Un dos exemplares devolverase, unha vez asinado polo/a estudante, á ORI da EASD Pablo Picasso.
Declaración xurada
É unha declaración xurada de non estar suxeito a ningunha das causas de prohibición do artigo 13 da Lei Xeral de Subvencións 38/2003, do 17 de novembro. Entregarase na primeira semana do mes de setembro.
Credencial de becario/a
Co fin de certificar a súa condición de estudante Erasmus, deberá presentar, se asi o esixe o centro de destino, unha copia de dita credencial que lle será entregada pola EASD Pablo Picasso na primeira semana do mes de setembro.
Trámites requiridos polo centro de destino
Cando asi o estipulase o centro de destino e conforme ás súas normas, o/a estudante terá que encher os impresos correspondentes á matrícula e á reserva de aloxamento, e tamén realizar os trámites que ó efecto determinara a institución de destino.
Outros documentos
Ademais dos xa especificados anteriormente, o/a estudante deberá posuír os seguintes documentos:
Os/as alumnos/as cuxos pais sexan beneficiarios da Seguridade Social terán que dirixirse ó Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) para solicitar dito documento ou os formularios E-128 ou E-m, que aseguran a asistencia sanitaria nos países membros; para a obtención do documento terá que presentar a acreditación de ser estudante Erasmus e o resgardo da matrícula efectuada na EASD Pablo Picasso; aqueles/as alumnos/as cuxos pais sexan asegurados en mutuas privadas ?MUFACE, ASISA, SANITAS?? consultarán á compañía para obter información específica sobre a cobertura médica do seguro; algunhas mutuas teñen establecido que, previa consulta á compañía aseguradora, o/a estudante ten que dirixirse á Oficina da Tesourería para solicitar o número de filiación; con este número, ca fotocopia da matrícula na EASD Pablo Picasso e a credencial de becario/a Erasmus, presentaranse no INSS para solicitar o formulario E-128 ou o E-m; unha vez no centro de destino é convínte inscribirse no Consulado Español ó que pertenza a poboación de residencia.
Durante a estadía no centro de destino, o/a estudante terá que efectuar os seguintes trámites:
Certificado de chegada
Co fin de certificar a incorporación ao centro de destino, o/a estudante deberá cumprimentar este documento e solicitar o seu selado e asinado polo/a responsable no centro de destino e remitilo, por fax, ó seguinte número (0034) 981 228 078. A recepción deste documento, en tempo e forma, é absolutamente imprescindible para o abono da beca Erasmus. O orixinal deste impreso será conservado durante o período Erasmus xa que, ó rematar a estancia no centro de destino, e unha vez cumprimentado, deberá entregarse ou enviado na ORI da EASD Pablo Picasso. É aconsellable envialo por fax na semana seguinte á chegada ó centro de destino.
Contrato de estudos (Learning Agreement)
As modificacións que, con respecto ás materias primeiramente seleccionadas, fose necesario introducir consignaranse no impreso «Changes To Original Proposed Study Programme/Learning Agreement». Estes cambios serán autorizados, cas correspondentes sinaturas, polos/as coordinadores/as do centro e polo/a xefe/a de departamento no que se atope matriculado o/a alumno/a. O prazo límite para a rectificación das materias seleccionadas será dun mes, desde a chegada ó centro de destino.
Certificado de asistencia
Asinado e selado polo/a coordinador/a ou a persoa designada ao efecto na institución de destino entregarase o impreso orixinal, non serán válidas as copias, na ORI da EASD Pablo Picasso. Este documento expresa e certifica a duración real da estancia no centro de destino e é imprescindible para percibir ó último prazo da beca.
O Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos establece un ríxido control sobre este documento, polo que se prestará especial atención á hora de cumprimentalo.
Con este documento o/a estudante acredita a duración real da súa estadía Erasmus, polo que deberá comprobar o certificado no momento de recollelo e antes de entregalo para estar seguro da súa corrección. Calquera erro no mesmo pode ocasionar consecuencias graves cuxa responsabilidade recaerá no/a propio/a estudante.
Non se considerarán válidos os certificados que conteñan correccións ou tachaduras, aqueles con información incompleta, ou aqueles nos que a data de realización do certificado sexa anterior á da finalización da estancia, admitíndose como máximo unha antelación de 10 días.
Nestes casos o/a estudante deberá pórse novamente en contacto co centro de destino para que se lle envíe un documento correcto.
Deberá ser entregado na ORI da EASD Pablo Picasso.
A beca abonarase de acordo co número de meses certificado neste documento e a partir do momento da súa entrega na ORI.
Cando se reducise drasticamente o número de meses de estancia logo de ter cobrado o primeiro prazo da beca, o centro axustará os pagos pendentes e solicitará a devolución do importe aboado se fose o caso.
Será entregado inmediatamente sexa finalizada a estancia na institución estranxeira.
A comunicación co/coa estudante ó longo do curso para calquera eventualidade farase no correo electrónico facilitado polo/a alumno/a (enviando unha mensaxe ó enderezo electrónico da ORI da EASD Pablo Picasso na que se indicará o seu enderezo de residencia no país de destino).
Certificado de estudos
Será cuberto e selado polo centro de destino e nel indicaranse as materias cursadas, a duración das mesmas e a cualificación obtida en cada unha delas. Dito certificado terá que recoller o título da materia, a duración ou créditos e a cualificación da mesma. É recomendable, co fin de non dilatar o recoñecemento dos estudos, que o/a estudante leve o certificado á Secretaría da EASD Pablo Picasso ó seu regreso para o seu recoñecemento académico.
Informe do/da estudante
O/a estudante comentará os detalles xerais da súa estancia no estranxeiro, o seu aproveitamento e as incidencias xurdidas axuntando un informe comentado das actividades realizadas no centro de destino.
Este documento permanecerá en poder do/da estudante ata o remate da súa estancia e será entregado na ORI xunto co certificado final da estancia.
Todos aqueles documentos que non foran entregados na ORI antes da súa partida, deberán ser gardados ou impresos para a súa posterior entrega na ORI.
O/a estudante ten que ter presente que a busca e a xestión do aloxamento é pola súa conta e que o centro de destino só se limita a facilitar esta tarefa.
Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso
Os pelamios 2, 15001 A Coruña tlf 981 225 396 · fax 981 228 078 · escola.arte.pablo.picasso@edu.xunta.es