A Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña é un centro público, dependente da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, dedicado desde hai máis de 100 anos ao ensino das artes aplicadas e os oficios artísticos, actualmente, deseño e artes plásticas. Polas súas aulas pasaron diversas personalidades da creación artística, a máis relevante, Pablo Picasso, que dá nome á nosa institución, e formáronse profesionais que serviron á nosa sociedade cunha eficacia que acredita a calidade educativa deste centro.

Actualmente impártense os seguintes estudos: ensinanzas superiores de Deseño gráfico e de Deseño de interiores, ensinanzas profesionais de grao superior de Fotografía artística, Ilustración e Artes aplicadas á escultura, ensinanzas profesionais de grao medio de Dourado e policromía e taller modular de Cerámica artística. É necesario superar unha proba de acceso para matricularse.

Desde a solicitude e concesión da Carta Universitaria ERASMUS durante o curso 2008/2009, o compromiso daEASD Pablo Picasso co ProgramaLLP foi aumentando grazas ao firme apoio institucional, aos bos comentarios recibidos polo persoal e os alumnos participantes, ás melloras na xestión, execución e coordinación das mobilidades e programas, e á necesidade de que os alumnos e profesores da Escola participen en proxectos de mobilidade internacional para mellorar as súas competencias persoais, académicas, profesionais e lingüísticas.

Con este fin consolidouse a ORI desde a que se canalizan todas as actividades do programa: funcionamento, requisitos, condicións económicas, destinos, programas formativos, xestión de toda a documentación, preparación lingüística e asesoramento sobre aloxamentos.

Sendo a nosa institución de tamaño pequeno, temos unha clara vocación cara á atención personalizada ao alumno que pode recibir asesoramento continuo tanto en temas académicos como en calquera aspecto da súa mobilidade.

Puxemos en marcha un programa de alumnos titores cuxo obxectivo é o apoio aos alumnos entrantes, e que realizan todo tipo de actividades que axudan á súa integración e a facerlle a súa estancia máis agradable.

Buscamos as nosas relacións no ámbito europeo con aqueles centros que comparten a nosa oferta educativa e cunha diversidade lingüística que faga máis extensa as posibilidades para os nosos alumnos. Establecemos contacto por correo postal, achegando nosa propia oferta educativa así como información exhaustiva que inclúe o protocolo para facer os convenios.

Queremos incrementar a mobilidade de alumnos e profesores, convencidos de que a ampliación do ámbito do coñecemento redundará na mellora da nosa formación profesional e humana.

Buscamos a excelencia na formación do noso alumnado, tanto no aspecto académico e profesional como no persoal.

Aspiramos a que o noso centro tamén poida ampliar en maior medida o panorama de ofertas educativas da comunidade europea, seguros de poder achegar unha experiencia profesional interesante.

En todos estes ámbitos cabe apuntar a adhesión da EASD Pablo Picasso a todos os principios da Carta ERASMUS e especialmente comprometémonos a garantir a igualdade de oportunidades, independentemente das características particulares da persoa, a súa raza, sexo, relixión, discapacidade ou circunstancias socio-económicas. En contra de calquera forma de discriminación, a Escola fomenta o Programa entre todos os seus alumnos sen distinción algunha.

Facemos a nosa oferta prioritariamente para alumnos coas maiores posibilidades de aproveitamento e cumprimento dos obxectivos, preferentemente dos últimos cursos, que son alumnos cunha traxectoria no centro que nos permiten facer unha valoración obxectiva, transparente e equitativa.

Coa implantación do último curso nos ensinos superiores de deseño, que incorpora nos seus plans de estudo, formación práctica en empresas, queremos que os alumnos teñan a oportunidade de comezar a súa andaina profesional en empresas do estranxeiro, polo que empezaremos a establecer contactos con posibles socios que poidan integrar aos nosos alumnos.

Desde aORI, e con todo o apoio da institución, queremos que as nosas actividades dentro do programaLLP sexan transparentes e equitativas, desde a firma dos convenios interinstitucionales, acordos de estudos e de prácticas cos alumnos e centros de destino e os certificados de recoñecemento de ECTS.

Para iso calquera nova información, actualización, ou cambio incorporarase á web da escola e colgarase no taboleiro de anuncios previsto para tal efecto.

Periodicamente analízase e mide o éxito de todas as actividades realizadas.