AULA VIRTUAL

Ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño

Ciclos formativos de grao superior e de grao medio

Artes aplicadas da escultura

Este Ciclo Superior capacitará ó seu alumnado tanto para a creación de obxectos tridimensionais coma para a interpretación de esquemas proxectuais alleos e o seu desenvolvemento en calquera material e dende diversos postulados artísticos.

Unha vez superados os dous cursos académicos, que inclúen a Formación Práctica en Empresas e a Obra Final, o alumnado obtén o Título de Técnico Superior en Artes Aplicadas da Escultura.

Fotografía Artística

Este Ciclo Superior persegue formar profesionais da fotografía con capacidade para crear e interpretar sucesos estéticos. Alén dos coñecementos teóricos e técnicos propios da especialidade, o ensino oriéntase cara ó desenvolvemento no alumnado da capacidade de análise para enfocar os proxectos fotográficos cunha mirada orixinal e significativa.

Unha vez superados os dous cursos académicos, que inclúen a Formación Práctica en Empresas e o Proxecto Final, o alumnado obtén o Título de Técnico Superior en Fotografía Artística.

Ilustración

Este ciclo superior esta orientado á formación de profesionais capaces de interpretar unha historia ou concepto de xeito gráfico e de lle dar a forma final a un bosquexo alleo, con calquera técnica ou estilo, publicidade, televisión, cine, etcétera, tanto por encargo como contratado.

Unha vez superados os dous cursos académicos, que inclúen a Formación Práctica en Empresas e o Proxecto Final, o alumnado obtén o Título de Técnico Superior en Ilustración.

Dourado e policromía artísticos

Este ciclo formativo de grao medio pretende dotar ó futuro profesional dunha equilibrada formación técnica, cultural e artística que lle permitirá desenvolver a súa actividade no campo da estatuaria e ornamentación, ben sexa en mobles ou obxectos artísticos de uso práctico ou suntuario.

Unha vez superados os dous cursos académicos, que inclúen a Formación Práctica en Empresas e a Obra Final, o alumnado obtén o Título de Técnico en Dourado e Policromía Artísticos.

Taller de cerámica artística

Este módulo solto está dirixido á realización de pezas tanto a man coma con torno, baseándose en formas tradicionais ou utilizando os distintos sistemas decorativos libremente.

Unha vez superados os dous cursos académicos, Taller de Cerámica I e Taller de Cerámica II, o alumnado recibe unha certificación das Capacidades Terminais correspondentes aos ditos Talleres (esta certificación ten validez académica só para os alumnos e alumnas que tiveran realizado a proba de acceso ao Taller de Cerámica).


Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso

Os pelamios 2, 15001 A Coruña tlf 981 225 396 · fax 981 228 078 · escola.arte.pablo.picasso@edu.xunta.es