O vindeiro xoves 9 de maio de 2019 ás 12:00h estará con nós Iria-Friné Rivera Vázquez nunha charla titulada:” Iconografía de tempos históricos: o monumento a Curros Enríquez”.

O Monumento a Curros Enríquez é unha das obras mestras da escultura galega contemporánea. Da man da Francisco Asorey, a iconografía do monumento constitúe un programa estético que abrangue dende o Barroco de placas de Simón Rodríguez ata linguaxe visual de Camilo Díaz Baliño; da poesía do propio Curros ata a épica de Eduardo Pondal; dos artigos de vangarda artística de Vicente Risco ata pintura romántica centroeuropea. A inauguración da obra significou un acontecemento cultural de gran proxección nacional e internacional que se reflectíu nos medios de comunicación.

Iria-Friné Rivera Vázque é historiadora da Arte, especializada en arte da Idade Moderna e licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, conta cunha extensa listaxe de publicacións. É coautora do libro Vicente Risco no xornal Euzkadi, xunto con Xosé Estévez e Joaquim Ventura. Como divulgadora é autora de diversos artigos tanto en publicacións en papel como dixitais dende o 2013. Do seu traballo focalizado na arte europea poden contarse a triloxía sobre o Altar de Pérgamo en Berlín -O grande altar de Pérgamo: o alçar do Fénix, Esculpindo o céu dos deuses e Sombras de mármore- (“Portal Galego da Lingua”), In locus amoenus. O deseño interior do Hôtel de Soubise (“Praza Pública”) ou Turner na Tate Britain (“Praza Pública”). Ademais destes traballos, ten publicado artigos e críticas sobre arte galega e sobre as mulleres e a arte.

Xoves 9 de maio de 2019, ás 12:00h no Salón de Actos da EASD Pablo Picasso.